Inspirándonos na sección de Catafís que nos permite botar unha ollada á pegada do paso do tempo na nosa cidade, pensamos en ‘pontevedra.thenandnow’, unha páxina de Instagram na que se publican imaxes do século XX de boa parte da cidade, comparándoas coa actualidade.
Óscar Ferreira Boedo, enxeñeiro de montes de profesión, é o responsable deste proxecto.
Nesta entrevista cóntanos como xurdiu ‘pontevedra.thenandnow’, como é o minucioso proceso de traballo que leva a cabo, ou que repercusión está a acadar, entre outras curiosidades.
Ver imaxes tan chocantes como o paso do tren polo centro da cidade, as beiras do Lérez sen recheos ou as prazas do casco histórico ateigadas de coches é posible grazas ó traballo que estáa levar a cabo este mozo pontevedrés.
Como xurde o proxecto ‘pontevedra.thenandnow’?
Empezou o Día de Reis do 2020, xusto antes da pandemia. Tiña un blog que empezara fai dez anos, ‘Rúas de Pontevedra’ no que ía poñendo fotos de cada rúa e un texto relacionado coa historia da cidade. Isto fíxeno durante dous anos e terminei en 2015. Logo chegou Instagram, empecei a ver a potencialidade que tiña porque é unha rede máis específica para imaxes e pensei en retomar as fotos que fixera e empezar a publicalas. Empezoume a seguir moita xente.
O arquivo fotográfico que tes na actualidade comezaches a traballalo a mediados dos 90 cando tiñas 18-19 anos… que leva a un mozo desta idade a interesarse por imaxes antigas da cidade?
Desde pequeno coleccionaba fotos que saían na última páxina do Diario de Pontevedra nunha sección que lle chamaban ‘Nostalxias’ e facíame graza ver fotos dos anos sesenta que me chamaban moitísimo a atención como o paso do tren polo medio da cidade. Sempre me gustaron as viaxes no tempo e pensar en visitar o pasado, visitar o futuro… eran cousas que se complementaban co meu proxecto. Eu nacín aquí en Pontevedra e sempre lle tiven agarimo á cidade e xuntouse un pouco todo: as viaxes no tempo, as imaxes antigas… Tiña bastantes coleccionadas, empecei a buscar en internet e atopei moitos arquivos dixitais dos que saquei moitísimas fotos… e xurdiu a entón a idea de facer reproducións para poder comparar aquelas imaxes antigas coas actuais. Na actualidade debo ter 500 ou 600 fotos e agora mesmo estou a saír para sacar novas fotos.
Como é o proceso de traballo que levas a cabo?
Durante moitos anos recompilei fotos e aínda a día de hoxe póñome ás veces a navegar nos arquivos dixitais… logo téntoas organizar por rúas e zonas e situalas. Este é un crebacabezas que me gusta bastante. Elixo as imaxes máis interesantes, saio coa cámara e vou á zona que quero fotografar. Unha vez alí fíxome nas referencias que hai na foto orixinal como poden ser os edificios… algunhas son máis complicadas porque non hai referencias… A idea é buscar o encadre exacto e facer varias fotos para logo elixir a mellor. Xa na casa, descárgoas e co software superpoño unha sobre outra e vou probando. Se non encaixa exactamente, non queda outra que volver a saír outro día. Gústame que encaixen exactamente.
Tes algunha imaxe que non foras capaz de recoñecer?
Si, hai algunhas que son difíciles de recoñecer, pero moi poucas non fun capaz… Algunhas que non tiña claro acabei sacándoas con tempo. A vantaxe é que non é unha cidade moi grande.
Cales son as túas fontes de información?
Teño fotos, sobre todo as dos anos sesenta, que son do Diario de Pontevedra, algunha do Faro de Vigo e da Voz de Galicia. Utilizo Galiciana que é unha plataforma de hemerotecas dixitais, o Arquivo Provincial de Lugo ten moitas fotos do ano 28 e saquei moitas fotos de aí, da Deputación de Pontevedra…Gústame dicir sempre de onde sae a foto orixinal porque non son imaxes miñas e quero poñer sempre a fonte.

Como foi evolucionando o formato das túas publicacións en Instagram?
Ao principio facía un carrusel coa imaxe antiga e ao deslizala aparecía a nova. Logo, cando saíron os reels, ocorréuseme poñer o vídeo no que se ve o paso dunha imaxe a outra. Cando empecei a utilizar o fundido, moita xente díxome que lle gustaba máis o formato anterior porque co reel resultáballe máis complicado parar a foto e non era tan visual… pero cada un ten a súa opinión.
Agora empecei a publicar novas fotos cun novo formato, cun carrusel que inclúe os tres elementos: a foto orixinal, a foto antiga, e o vídeo.
Cantos seguidores tes na actualidade?
Teño 7.833 seguidores. O perfil da audiencia, empezou sendo bastante novo arredor de 15 ou 20 anos, cousa que me sorprendeu moito…notábase que Instagram era unha rede social nova. Logo empezou a subir a media de idade e creo que houbo xente máis maior que se fixo a conta de Instagram para seguir a ‘pontevedra.thenaandnow’. De feito, recibín o feedback de persoas maiores que me comentan os seus recordos sobre unha determinada imaxe… Houbo un home que viviu en Pontevedra ata o ano 1958 e agora está fóra, que me comentaba que había fotos que lembraba. A maioría dos seguidores son de aquí de Pontevedra pero tamén os teño de fóra porque no seu día vin que había outros proxectos que se chamaban ‘Then and now’ ou ‘Before and after’ e pensei que se incluía algo así no nome, o proxecto se faría máis internacional. Un 5% de seguidores son de fóra…
Que interacción obtés por parte da túa audiencia?
Hai xente moi habitual que me escribe para comentarme algunha imaxe ou felicitarme… Hai moita audiencia que se mete a debater e opinar sobre a transformación da cidade. Hai veciños de aquíós que lle dá moita nostalxia ver as fotos e fala da xente desa época. Vese que lle move recordos.
En canto a transformación da cidade… en que zonas che parece máis chocante?
A vía do tren que pasaba polo centro por Campolongo e o Paseo de Colón que era unha trincheira pola que pasaba un tren e hoxe é unha rúa. Tamén me chaman a atención as fotos antigas do bordo do río da Avenida de Uruguai e Corvaceiras nas que a auga chegaba ata case as casas e hoxe en día está todo enchido sobre o río. Na zona vella hai moi poucos cambios, nótase moito nos anos 60-70 a presenza dos coches…
Como valoras esta transformación?
Os recheos que se fixeron na ría, entendo que no seu día era o que necesitaban, pero a día de hoxe dáche pena ver que unha marxe irregular con casiñas pegadas ao mar converteuse nunha ‘autoestrada’. Logo a transformación dos anos 60-70 ata aquí creo que é moi positiva. Éespectacular ver as rúas asolagadas de coches, as beirarrúas estreitas polas que non cabías das que tiñas que baixar se te cruzabas con outra persoa, os coches aparcados por todo o centro histórico… creo que Pontevedra en todo isto gañou moitísimo. Síntome orgulloso de que a cidade estea como está.
Cantas fotos forman parte do ten arquivo dixital?
Teño 1.500-1.600 arquivadas e datadas. A máis antiga creo que é unha que teño da Peregrina na que lle faltaba unha das dúas torres. Polo que lin, esa torre non se reconstruíu ata 1873 polo que ten que ser anterior. Gústame ver o conxunto de ter varrida toda a cidade con fotografías de distintas épocas.
Como ves o futuro de ‘pontevedra.thenandnow’?
Agora mesmo estou a traballar en material novo. Teño preparadas 30 imaxes do Mosteiro de Lérez, a Ponte do Burgo, o Mercado, a Ponte da Barca e Corvaceiras.
Xa para rematar… en que lle gusta a Óscar Ferreira ‘catafisgar’?
Gústame catafisgar na comparativa das imaxes aéreas. Ao ser técnico e dedicarme a temas de enxeñería gústame bastante todo o que hai colgado en Catafís porque non deixa de ser información á que tes que recorrer para facer proxectos. Gústame ver os planos da cidade como o Catastro, a distribución de poboación por zonas e os planos en autocad… interésame todo porque ao necesito traballar con este tipo de datos e ao telo todo colgado na internet é moito máis cómodo. Deberiamos tender a isto… a ter a información dos recursos públicos máis accesible.