cabeceira Blog CATAFIS
ana santos

“Pontevedra é unha cidade moi amable coas persoas maiores”

Ana Santos é unha das artífices de Vella a Bella, un colectivo pontevedrés de maiores de 60 anos que xurdiu durante a pandemia co obxectivo de que o “envellecemento activo se convirta en embelecemento persoal”. Creou este proxecto con outros dez compañeiros, todos eles ex profesores no Instituto Valle Inclán. No seu blog https://devellabella.com publican todas as actividades para maiores de 60 que hai no municipio, artigos de literatura, poemas, fotografías, creacións artísticas, cadernos de viaxe…

Reunímonos con ela no coworking Arroelo, onde se atopan semanalmente para planificar as accións que levarán a cabo. Cóntanos que hai detrás de Vella a Bella, que lles achega e como é a nosa cidade para os maiores de 60. Ana transmite enerxía, ganas de facer, e moitas ganas de que os maiores de 60 fagan.

Como xorde de Vella a Bella?

Coincidimos case todos os que estamos en de Vella a Bella no Instituto Valle Inclán. Eramos profesores e unha vez que nos xubilamos decidimos que non queriamos estar sen facer nada. Estabamos case todos no grupo de teatro Argalladas e consideramos facer un blog  para ir publicando as cousas que nos apeteceran. Tiven a sorte de ir durante quince días ó coliving de Anceu e alí rodeeime de xente nova que eran enxeñeiros informáticos, programadores web … Entón xurdiume a idea de poñer en marcha o blog.

Unha vez que o tivemos reunímonos os once que empezamos e argallamos facer artigos… eu tiña uns soños un pouco grandes. Dicía que estaría ben agrupar as actividades que hai en Pontevedra, en Galicia, en España… por semanas ou por meses. Deime conta de que era imposible e entón propúxenmeme facelo en Pontevedra. Empecei a buscar e por medio das redes e de pasear moito e ver os escaparates fun recompilando información e se na prensa saían 5 ou 6 actividades por semana, nós as veces tiñamos trinta e pico… Empezamos a publicalo e a xente empezou a interactuar con nós e a mandarnos correos achegándonos a súa ainformación… 

Cal é a orixe do nome de Vella a Bella?

De Vella a Bella é a persoa que pasa de sentirse mal ‘vella’ a sentirse fermosa ‘bella’. Xoga tamén co galego e o castelán

Cando bota a andar?

Botou a andar na pandemia. Foi no 2020, ano no que nos xubilamos, argallamos todo e de Vella a Bella empezou a andadura en novembro do 2020. Na pandemia estabamos metidos na casa e que faciamos?… pois escribir, facer receitas, facer poemas… facer un montón de cousas.

Cales son os obxectivos do colectivo?

Agrupar a persoas de máis de 60 anos para que colaboren e se sintan activas tanto física como psicoloxicamente… Hai xente que está na casa e que, ó mellor hai 20 anos que escribía poesías, pero non se atrevía a publicalas e grazas a nós publícaas. Nós incentivámolos, porque desde que nos chega o poema ata que sae publicado cambia moitísimo. Poñémoslle música, subtitulámolo, poñemos fotografía ou vídeo, facemos que a persoa o declame… Entón, ese poema é moito máis visual e os seus autores están moi agradecidos.

Aquí temos desde poetas consagrados ata amas de casa ou homes sen traballo.

Quen forma parte de Vella a Bella?

De todo, catedráticos, amas de casa, persoas con poucos estudos e que intentan estar activos. Temos un equipo de preto de 50 colaboradores/ras.

Somos un grupo heteroxéneo pero moi ben levado.

Unha das nosas premisas é a liberdade. Non poñemos impedimentos. Reunímonos aquí porque queremos, e non pasa nada se alguén non vén. Non somos asociación porque non queremos algo establecido. Somos un colectivo sen ánimo de lucro. Cada un está aquí porque quere e os once que empezamos seguimos aquí porque queremos.

Ana Santos
Ana Santos

Que facedes no colectivo?

Unimos todas as actividades culturais que hai en Pontevedra semanalmente. Mensualmente publicamos historias de vida de xente de Pontevedra ou que ten relación con Pontevedra. Temos artigos de opinión, de psicoloxía, de actualidade, de etnografía. Temos un apartado que se chama ‘lingua irmá’ que son as colaboracións que nos fan chegar os nosos amigos portugueses: poesía, pintura, fotografía… 

Temos creacións artísticas, literarias e fotográficas; receitas de distintos colaboradores; no apartado literario temos relatos, poemas… de xente tan coñecida como Ramón Caride ou menos coñecida como Marina Filgueira.

Tamén publicamos cadernos de viaxes de dous colaboradores que non paran de viaxar. Están fóra un mes ou dous, e fan unhas viaxes marabillosas. 

O apartado benestar é unha caixa de pandora porque aí temos as actividades físicas dirixidas a persoas que ó mellor si que poden saír a andar pero faille falta algún exercicio de forza e propoñémoslles exercicios moi doados que poden facer na casa; tamén temos as colaboracións de actividades relacionadas co medio ambiente.

Contamos tamén cun espazo de radio en Onda Cero con Susana Pedreira, que nos propuxo ir á emisora cada 15 días. Ó principio contabamos cousas nosas, pero agora levamos a un convidado que pode ser unha persoa a que lle fixeramos unha entrevista e consideramos intesante a súa experiencia. 

O que pretendemos é que a partir dos 60 anos sigamos sentindo útiles. Gústanos facer cousas e implicar a outras persoas. Queremos ser un exemplo para que a xente copie. Nas nosas reunións saen moitísimas achegas intesantes. Saes delas chea de enerxía, levamos de aquí unha forza incrible, sobre todo estando nun coworking que non sabiamos nin que existían… Foi grazas a África, unha das responsables do coworking que foi alumna nosa e que nos dixo que podiamos vir traballar aquí. Nós traballabamos desde a casa, pero só saír da casa e estar aquí unha vez á semana empezou a unirnos moitísimo.

Entre outros contidos tesnos mencionado as historias de vida, das que es autora. A quen lle fas as entrevistas?

Primeiro empecei con xente que eu coñecía, que foran profesores meus… logo comecei a pedir referencias e funme facendo cunha carteira de persoas. Algúns non queren ou teñen receos de contar a súa vida, pero trato de convencelos dicíndolles que é unha historia de vida que se perde e o que viviron eles, non o vivín eu. 

Levaremos feito unhas 60 entrevistas. 

Buscas algún perfil en concreto?

Ás veces si e as veces non, porque todo o mundo ten algo que contar… As veces falas con persoas que che parecen anódinas e logo cóntanche dunha carta que teñen agochada desde hai media vida, e toda a historia que hai detrás… Fago as entrevistas e envíollas antes de publicalas… hai xente que engade cousas e outras que quitan moito e é algo que hai que respectar.

Hai algunha entrevista que lembres en especial?

Lembro a Lela que agora ten 101 anos e está nunha residencia en Poio. Nunca lle fixeran unha entrevista e contoume a súa historia de vida e fíxome pensar no difícil que era ser muller na época que foi ela, pero que forte e valente fora. Visitei a súa casa e atopei unha Pontevedra que descoñecía. Detrás dunha porta que ti non te imaxinabas o que podía haber, atopei un xardín e unha casa preciosa e unha persoa marabillosa como é Lela. Tamén me lembro de Tina Alonso que ten máis de noventa anos e que foi alumna miña en aerobic, estaba case cega e con ela descubrín o que loitara, as vivencias que pasara durante a súa vida… É moi enriquecedor.

Percibides intese por parte doutras persoas maiores de 60 polo voso colectivo?

Estivemos en Lugo nun certame de poesía e achegóusenos unha persoa para preguntar que hai que facer para publicar un poema e canto había que pagar…comentounos que quedaban moi bonitos tal e como os publicamos no blog. Pedímoslle que nos mandara o poema, que o declamara e empezou a colaborar con nós. Detectamos que a xente nos segue, temos moita interacción polas redes sociais e tamén nos escriben dicindo que remata a súa vida laboral e pregúntanos que poden facer, aínda que isto é algo que ten que decidir cada un. Nestes casos pedímoslle que veñan, facémoslle unha entrevista, ás veces aproveitamos para facer a súa historia de vida e cóntannos no que traballaban e o que lle gustaría e ímolos enfocando cara o que poden achegar. Logo temos lingüistas no equipo que corrixen os traballos. As persoas que comezaron a colaborar agora son fieis e tratan de convencer a outras persoas para que nos coñezan.

Cal é o voso vínculo con Pontevedra?

Vivimos todos aquí, menos Marcos que vive en Cuntis. Temos a nosa referencia de vida en Pontevedra, é a nosa cidade. É unha cidade tan fácil, peonil, accesible. Ten moito que amosar e grazas a que pescudamos un pouco descubrimos que está chea de cultura pero que non se lle dá o bombo que tiña que dárselle. Hai moitísimas persoas creativas, hai moitísimo que coñecer… Percibimos moito descoñecemento do coñecemento.

Como valorades a oferta de actividades que hai en Pontevedra para maiores de 60?

Moitas veces vemos que as actividades se solapan… ó mellor hai tres presentacións de libros nun día e outro non hai nada…Debería de estar máis regulado para que todo o mundo tivera cabida e que as actividades non se pisen unhas a outras. Logo hai moitísimas actividades na cidade pero moitas veces sabémolo con moi pouca antelación. Tería que haber máis previsión. Ás veces tamén nos trasladan atrancos á hora de presentar un libro ou actividades de poesía dos espazos a utilizar. Os estamentos privados poñen atrancos e cobran e non hai tantos espazos públicos dispoñibles. 

A nosa cidade ten en conta ós maiores de 60 anos?

Si, cada vez máis. Acaban de vir tres amigos andaluces que me expresaron que Pontevedra é unha cidade moi amable coas persoas maiores, que temos cousas moi novedosas e moi boas, como por exemplo a oportunidade que nos brinda un coworking de poder interrelacionarnos con xente máis nova e aprender uns dos outros. E é certo. Temos moitísimas actividades. Tamén, se tal e como expresa Catafís o 30% da poboación ten máis de 60, é lóxico que ten que haber actividades para maiores. Eu vexo que estamos moi apoiados e a calidade de vida é moito maior que hai 20 anos. Creo que estamos ben, pero aínda podemos estar mellor cando nolo creamos nós mesmos.

Un catafisgóé unha persoa que lle gusta curiosear no Catafís… En que lle gusta a Ana Santos catafisgar?

Gústanos moito saber que fan noutros sitios. Estamos vendo continuamente como aplicar novidades ó que facemos, tanto no dixital como falando con outras persoas. Concedéronnos unha beca para ir a Portugal para presentar o noso proxecto, coñecer como se traballa alí e conseguir tamén novos colaboradores. Gústanos buscar, coñecer e seguir aprendendo.