cabeceira Blog CATAFIS

“Podendo vivir en Pontevedra, para que vas a vivir noutro sitio”

Coa volta ó cole lembrámonos daqueles mestres que supuxeron unha influencia para nós, que nos ensinaron a materia correspondente pero que, sobre todo, nos transmitiron unha actitude cara a vida que nos marcaría para sempre.  Un deses mestres é Anxo González Guerra, porque aínda que xa está xubilado, o de ser mestre de galego córrelle polas veas e diso un non se xubila.

Anxo é un namorado incondicional da súa lingua e tamén da nosa cidade, Pontevedra, que a pesar de ser un ‘neno de aldea’ o engaiolou e nunca máis se separou dela. Anxo desenvolveu e segue desenvolvendo un incansable labor en favor da nosa língua, como mestre de galego no IES Sanchez Cantón, como creador do portal ogalego.eu, como autor na wikipedia… Convidámosvos a coñecer o seu traballo nesta entrevista. 

Vostede adicou toda a súa vida profesional a educación… por que elixiu esta profesión?

Eu non sabía o que ía ser ata que empecei. Primeiro estudei no seminario de Lugo, logo no colexio universitario porque me gustaba a Filoloxía e antes de acabar puiden facer Filoloxía Galega… uns estudos que empezaron coa miña xeración. Naquel momento non había onde dar clases en galego pero era o que me gustaba. Logo, se tiña que dar clases, pois xa veríamos de que… era moi bo en latín e non me sería moi difícil preparar unhas oposicións. Cando cheguei a Santiago á hora de matricularme ía pensando en estudar Filoloxía Hispánica pero vin uns papeis e decateime de que tamén había galego. Fun tomar un café e, como meus pais sempre me dixeron que fixera o que quixera, ó rematar xa dixen… eu vou para galego.

O ano seguinte de rematar os estudos comezaron as clases nalgúns institutos… Non me arrepinto en ningún momento de ter escollido o galego nin tampouco de dedicarme á educación. Para min, se che gusta, é a mellor profesión. Se non che gusta, podes pasalo mal e podes facerllo pasar mal ós nenos e ós adolescentes… Na educación sempre estás traballando con xente nova, o que te obriga a estar un pouco ó dia, a moverte….

Que é para vostede o máis grato e ingrato da profesión?

O máis grato é o trato cos rapaces. Todo o que lles dás, devólvencho. No caso dos adolescentes tardas un pouco máis. Podes ter un alumno adolescente que está encantadísimo na túa clase e está mirando para abaixo todo o tempo.  Pero todo o que podes facer é marabilloso. Agora que estou xubilado, achéganseme alumnos que me transmiten o moito que aprenderon nas miñas clases e eu estou encantado.

O máis ingrato para min era ter que poñer notas porque é obrigatorio avaliar o seu traballo. Eu procuraba sempre ser xusto para que o alumno levara en vista o seu traballo. Os que lían libros en galego a parte das clases ou escribían en galego, eu tíñallo en conta porque estaban traballando. Nos últimos anos o máis ingrato é a burocracia. Hai que cubrir unha morea de papeis… antes non facía falta iso… 

De onde lle ven a súa querenza pola lingua?

Eu son neno de aldea e tiven a sorte de ser galegofalante, aínda que para min teñen máis mérito os que non son galego falantes e posteriormente pasan a falar o galego porque é unha decisión e un esforzo importante.

Estudei no seminario e alí prohibíanos falar o galego e castigábanos por falar galego. Como a maioría eramos de aldea, entre nós seguiamos falando ás escondidas. Cando rematei no seminario xa tiven a primeira influencia porque en COU me dou clase de español o famoso escritor Don Xesús Alonso Montero. El foi o primeiro que nos valerou a nosa lingua, porque por primeira vez nas súas clases sentín que o que eu falaba era unha lingua e que había escritores importantes e que había que darlle para adiante. Logo empecei no colexio universitario e ata terceiro non tiven galego, pero tamén tiven unha profesora que empezaba a dar clases e como de léxico rural non sabía nada, nomeoume a min o seu axudante para todo tipo de léxico de aldea: paxaros, apeiros… Logo tamén ten moita influencia en min o meu padriño que era cura e foi dos primeiros galeguistas. Era un cura de esquerdas que non levaba sotana, pero ó mesmo tempo era unha persoa moi familiar tanto coa súa familia como cos seus fregueses.

Foi dos primeiros en dar clases de galego no IES Sanchez Cantón… Como foron os comezos, que escenario se atopou?

Cando cheguei era o primeiro ano que había clases en galego en primeiro de Bacharelato. Entón  atopeime con sete grupos de 40 alumnos cada grupo… que nunca deran galego. Ademais parte do profesorado do Sanchez Cantón asinara unha carta contra a introdución do galego porque o consideraban unha perda de tempo… A pesar de todo isto, non tiven o máis mínimo problema. Entrei alí a dar clases de galego e a ser un pouco comprensivo con eles. Nunca se me enfrontou ningún alumno nin tiven ningún problema con eles. A primeira promoción sempre te marca e teño grandes amigos desa primeira promoción e xente moi importante como Luís Bará. Moitos daqueles profesores que asinaran a carta despois acabaron asinando cartas contrarias. Non teño máis que recordos bos dos meus alumnos. Tampouco eu trataba de enfrontarme a eles.  Simplemente ía a clase e intentaba facelas amenas e estar ó día. Cando empezou a informática eu fun dos primeiros en usala. Os profesores temos que estar na sociedade e hai profesores que non entenden isto. Pasa agora coa polémica de internet… eu considero que en determinados momentos o alumno debe poder acceder e ser guiado por un adulto para que aprenda a facer un traballo, a buscar imaxes e que aprenda que non todo o que hai alí é certo. 

Nas súas clases  puxo as sementes para que algúns cativ@s que non falaban galego, non só terminaran falando a nosa lingua, senón que incluso converterona na súa lingua habitual.

Certamente. Tiven cantidade de alumnos que pola súa extracción social non falaban galego, outros que eran galego falantes e ó entrar no instituto non falaban galego e que posteriormente se converteron en escritores, xornalistas… Ilusióname pensar que eu axudei en algo, pero realmente non fun eu só, foi a sociedade, foron eles que maduraron.  Pero tamén tiven moitos alumnos médicos, enxeñeiros… porque o alumnado do IES Sanchez Cantón na súa maioría vai a universidade.

Como valora a saúde da nosa lingua na actualidade?

Seguimos estando nun momento crítico. Eu tendo a ser optimista porque senón non paga a pena. Hai cousas nas que melloramos moito por exemplo a nivel social fanse moitos actos en galego, nos concellos e no ensino emprégase moito máis, algúns medios de comunicación tamén o empregan. Pero o galego segue sendo a pata coxa e polo tanto hai que apoiala. O que si hai hoxe é moitos menos galegofalantes iniciais. Antes nas aldeas todo o mundo falaba galego porque lle custaba falar castelán. Hoxe isto non pasa, e a maioría dos nenos son castelan falantes. Posteriormente moitos fanse bilingües e a sociedade actual evoluciona cada vez máis o plurilingüísimo. Considero que nun futuro deberíamos tender cara o trilingüísimo: galego, castelán e algún idioma máis e usar cada un no seu contexto. Se chegas a entender que o galego é algo teu valo a ter en conta. Teño unha anécdota que me contou un alumno e que parece algo incrible. Dous rapaces de Pontevedra que estudaban en Madrid e nunca falaran galego entre eles, coincidían nas viaxes de volta a Galicia en Baraxas, e nese momento empezaban os dous a falar en galego. Chegaban a Santiago falando galego, pero ó chegar a Pontevedra xa se pasaban ó castelán. 

Estes días estamos coa polémica das linguas no Congreso… claro que nos podemos entender todos en castelán pero é máis que iso porque se trata de verte alí representado e ver que a túa lingua é válida e se respecta.

Vostede é o creador xunto con Vitoria Ogando do portal ogalego.eu. Con que obxectivos nace?

Nace co obxectivo de compartir. A min deume o traballo a lingua. Meus pais, meu tíos e meus irmáns aprendéronme a ferramenta da que logo vivín, a lingua. É algo que lle debo a sociedade e que teño que compartir cos demais. A miña muller que traballaba no IES Valle Inclán e máis eu cando empezamos non tiñamos libros de texto, así que tiñamos que elaborar todo o material. Primeiro faciamos fotocopias, logo publicamos o libro Exercicios de Lingua que tivo moitas vendas os primeiros anos. Cando chegou a informática e internet fixen un curso de páxinas web e pensei que o que tiñamos que facer era pasar a internet todo o que tiñamos no libro e ademais coa idea de que fora interactivo. 

Que resposta están a obter? Cales son as páxinas máis visitadas?

Unha das páxinas máis vistas e ‘200 letras de cantigas populares’ e outra é unha páxina que che permite preparar a proba de Selectividade de Galego. De feito temos recibido agradecementos de clases enteiras que non se entendían co profesor e que prepararon pola nosa páxina o exame.  Ademais hai de todo para que o alumnado e profesorado poida aprender galego. Hai moitos exercicios para a colocación do pronome, de verbos, de léxico, xogos… Ultimamente ten moito éxito nas aulas unha ferramenta que se chama kahoot que tamén temos na páxina. Aínda que nos xubilamos no 2015, nisto non nos xubilamos e seguimos en activo. 

Unha páxina pequena como a nosa que non ten ningún tipo de axuda, ten 500.000 visitas anuais e 1.200.000 páxinas descargadas. Tampouco temos moita competencia. 

Tamén desenvolve unha labor moi importante na Galipedia. Cantas entradas terá aportado?

Para min a Galipedia é algo tardío porque cando me xubilei non participaba na Galipedia, pero un ex alumno Adrián Estévez veu a dar unha charla ós meus alumnos sobre o funcionamento da Galipedia e aí empecei eu. A primeira entrada foi a de Luís Bará e o bo que ten é que podes traballar na Galipedia cando che apetece. Procuro estar moi atento ás mulleres, porque teñen moita menos visibilidade. Aquelas mulleres que empezan a escribir, ou cando unha cantante empeza a despuntar considero que hai que apoialas. Unha forma de facelo é que cando alguén a busque en google apareza a información da wikipedia. Nestes momentos creo que estou moi preto das 1.000 persoas referenciadas. Logo tamén fago labor de edición, aínda que a miña muller fai moito máis. É unha tarefa que non ten retorno ningún, pero non me importa porque estás compartindo.

Todo este traballo que tanto vostede como Vitoria Ogando, a súa muller, teñen levado a cabo en prol do galego fíxoo merecedor dalgúns premios. Que supuxo para vostedes recibir o Premio Xoán Manuel Pintos e o Cidade de Pontevedra?

O Xoán Manuel Pintos é un premio que se dá a xente que fai algo pola lingua galega e para nós foi unha honra e unha sorpresa. Pero moito máis aínda inesperado foi o Cidade de Pontevedra porque sempre ves que llo dan a xente famosa e nos eramos dous profesores… foi unha gran honra. É un premio que che dan por unanimidade e para nós foi o non vai máis.

IMG 3792

Cal é a súa relación con Pontevedra?

Un ano antes de vir para Pontevedra pasei por aquí en taxi con Don Ricardo Carvallo Calero  co que coincidira nunhas xornadas e unha das veces díxome: “Mira, Pontevedra éche unha cidade ideal para xubilarse”. O ano seguinte déronme praza en Pontevedra e a miña muller déronlle tamén praza aquí. A nosa idea era botar un par de anos e irnos para Santiago, pero non puido ser porque nos namoramos de Pontevedra. Podendo vivir en Pontevedra para que vas a vivir noutro sitio! É unha cidade ideal, pequena que o ten todo, ben comunicada con calquera sitio… está sendo premiada en todos cantos sitios hai. É unha marabilla e nunca nos arrepentimos para nada. Por onde imos decimos que somos de Pontevedra. Ademais comparto con Castelao, que tampouco era de Pontevedra. Veu aquí a traballar, namorouse de Pontevedra e fixo aquel fermoso texto ‘Meu Pontevedra’. Vitoria e máis eu lemos parte del cando nos deron o premio Cidade de Pontevedra.

Como goza vostede da cidade?

Pontevedra é unha cidade que podes vivir. En toda a semana non precisamos sacar para nada o coche. A xente non anda as carreiras, podes pasear a calquer hora do día e telo todo aquí… Pontevedra ten a parte antiga chea de escudos que soubo conservar…. Cando eu cheguei a zona vella estaba máis abandonada pero foise recuperando. Creo que nisto ten importancia non só os políticos senón tamén os técnicos. Pontevedra é un logro colectivo e debería ser un exemplo para outras cidades sobre como se fan as cousas ben feitas e pensadas para nós. 

En que anda agora metido?

A miña muller Vitoria dime que son o perexil de todas as salsas… porque onde me chaman alá vou. Agora parei pero estiven dous anos dando clases no Luar e foi unha experiencia nova. Nunca fun da TV  pero foi unha experiencia gratísima porque tiven alumnos famosísimos, cantantes, actores… Agora no que máis tempo invisto e na Galipedia, e o prioritario é o meu neto.

En que lle gusta a Anxo González Guerra catafisgar?

A lectura lévame moito tempo e comparto os libros que me gustan. Tamén as series nórdicas me gustan, pasear, fixarme nos nomes dos sitios… son usador de toponimia.