cabeceira Blog CATAFIS
IMG

“Ser pregoeira supón un levantarme contenta, satisfeita e representa un agradecemento a labor da asociación de veciños”

Este mes dedicámoslle a sección do catafisgón a Pilar Señoráns, presidenta da Asociación de veciños de Santa María, e que en só uns días será a encargada de ler o pregón das Festas da Peregrina.

Pilar é unha muller que irradia vitalidade. Nun momento da entrevista confésanos que se considera unha persoa ‘fosforita’ un termo que lle evoca alegría, colorido e enerxía, cualidades que de seguro se reflectirán no pregón que escoitaremos nuns días. 

Mentres tomamos un café na zona antiga de Pontevedra, da que se considera unha auténtica namorada, cóntanos como se sente ao ser elixida pregoeira e fai un repaso polo seu labor como referente do movemento veciñal desde 1999. 

Que supón para vostede ser pregoeira das festas da Peregrina?

Supón un levantarme contenta, satisfeita e un agradecemento ao labor que fixemos non só eu, senón tamén toda a directiva da asociación de veciños, tanto a actual como a anterior. É unha alegría inmensa.

Como recibiu a noticia? 

Chamoume o alcalde e díxome que querían que eu fose a pregoeira… entón pregunteille… e que fixen eu? Creo que non fixen nada especial. O alcalde respostoume que levaba moitos anos traballando para Pontevedra facendo pouco ruído.

Eu ía no coche. Quedei atónita, e contesteille que cría que non era a persoa… pero que o pensaría. Cheguei a casa e non dixen nada porque seguía bloqueada. Ao día seguinte comenteino na casa e animáronme. Entón chamei ao alcalde e díxenlle que aceptaba ser a pregoeira.

Que sensacións ten nestes días previos á lectura do pregón?

Teño a sensación de ser unha persoa un pouco importante porque vou pola rúa e páranme para comentarme o do pregón, chámanme por teléfono… Eu non me imaxinaba que isto fora a ter tanta repercusión. Desde o ano 1999 que levo de presidenta da asociación fun a todos os pregóns porque me convidaban, pero nunca me vin eu de pregoeira… e de súpeto estouno visualizando e sinto responsabilidade, alegría… un algo de nervios… Son unha persoa moi sincera e é algo que non gusta a todo o mundo pero a realidade é a que hai.

Imaxino que xa ten o pregón preparado… 

Si, é un pregón sinxelo, sincero. Non quero ferir a ninguén nin facer alardes de ningunha ideoloxía determinada, nin política, nin relixiosa… aínda que todo o mundo sabe que eu son católica.

Pódenos adiantar algo do pregón?

Tratará sobre quen son e a traxectoria da asociación. Creo que é sobre o que debo falar. 

Ademais o pregón cambia de localización

Si, e é algo moi importante. Eu estiven no último pregón que se fixo no Concello e logo levárono para o Pazo Mugartegui. Este ano volve á súa localización orixinal, o que supón para a min unha maior responsabilidade porque en Mugartegui era un espazo máis recollido. Aquí hai unha praza máis grande e creo que xerará máis expectación. 

Vostede é presidenta da asociación de veciños de Santa María desde 1999. Como chegou a esta responsabilidade?

Cheguei a isto porque a min a zona antiga de Pontevedra sempre me gustou. Vivimos na zona do Campiño e estivemos a piques de mudarnos de casa porque a situación non era cómoda, non se podía durmir. Nós podiamos facelo pero había xente maior e xente que nacera e crecera nesta zona que non tiña esas posibilidades. Collín o touro polos cornos e pensei que o que había que cambiar eran os hábitos que había naquel momento nesta zona, que non eran os idóneos. Foi entón cando se creou a asociación e eu collina no 1999. Teño unha directiva que é moi riquiña e eficaz e pensa coma min… cousa que é moi importante. Son unha gran defensora do patrimonio e iso é o que me mantén aí.

Cales son os fitos máis importantes que alcanzou a asociación ao longo destes anos?

A ordenanza antibotellón que saíu grazas a un consenso entre os partidos políticos e a axuda da Federación Castelao que naquel momento presidía Verísimo, unha persoa excelente e referente no movemento veciñal. É unha persoa que traballou moitísimo de maneira totalmente altruísta e que nos axudou a promover esta ordenanza. Outro dos logros importantes foi a remodelación do arrabalde de Santa María. 

Que obxectivos se propoñen desde a asociación a medio prazo?

Que se remodelen  as poucas rúas sobre as que aínda non se actuou como a Rúa Martín Fervén ou a de Sor Lucía. Actuouse en moitas rúas nas que noubo que meter servizos tamén,  como instalar gas, telefonía… non é só actuar sobre a pedra. Outro obxectivo é que hai moitas axudas para a vivenda no centro histórico que me gustaría que fosen coñecidas por todos e que houbese unha maior axilidade no momento de tramitalas… Hai xente que lle gusta a zona antiga pero que non quere estar dous anos ou tres esperando polas licenzas. Tamén debería haber un consenso cos hostaleiros da zona porque podemos convivir, pero temos algunha protesta de veciños polos horarios dos locais na rúa Charino. Ten que haber unha convivencia para que a zona antiga non se converta só nunha zona de pubs e copeteo. Sería boísimo que na zona antiga tamén se establecese algunha firma importante, aínda que isto é complicado porque os baixos son pequenos e a propia crise e o macrocomercio dificúltano.

Como é a súa relación co Concello?

É boa, porque na directiva sempre tivemos moi claro que somos representantes dos nosos asociados e da nosa zona. Non somos un partido político, se hai que pedir, pídese… de feito a ordenanza antibotellón traballámola individualmente con cada partido e estamos agradecidos a todos eles. Nomearía a figura de Guillerme Vázquez, que naquel momento era o responsable de Seguridade Cidadá no Concello, e que respondeu moi ben. A relación co Concello é cordial porque son unha representante veciñal que quere defender os dereitos dos veciños e o importante non son os partidos políticos senón como resolven o que ti lle demandas. 

Como cambiou a zona de Santa María desde que vostede é presidenta da asociación?

O primeiro recordo que teño eu do Campiño é como un campo que tiña unha balaustrada cara á ría, que se vía case ao completo porque non había edificios grandes no medio. Cando saïamos de clase iamos tomar o típico Xerez a un bar que había nesta zona… Era todo máis chairo, era como un campo dunha aldea na que a xente mesmo tendía a roupa para clarexar. Era como un eirado de aldea dentro da cidade. Cando me vin a vivir aquí en 1984 xa cambiara moito a zona, colocáronse uns parterres cunhas árbores que eran bonitos pero incómodos porque creaban unha especie de cerrazón. Non había o acceso actual cara a Arcebispo Malvar. Logo fíxose a remodelación actual que che pode gustar máis ou menos, eu aí xa non entro, pero deu unha visibilidade ao Campiño moito maior e máis accesibilidade, aínda que botamos de menos algunha árbore.

IMG 3340

Que cualidades ten que ter unha persoa para asumir durante tantos anos a responsabilidade dunha asociación veciñal?

A nivel persoal hai que ter paciencia, tolerancia, perseveranza… Cada logro supón a satisfacción dun deber cumprido, aínda que non remunerado. Levámolo con moita calma e nunca nos desgastamos no intento. Nin na asociación, nin no meu traballo, nin na miña familia nin en nada son das persoas que quere conseguir as cousas inmediatamente. Son das que penso que todo vén por algo e para algo e o que nun principio parece que ten que ser xa… o tempo vaino poñendo no seu sitio. As pezas van engrenándose sen necesidade de forzar. 

Cal é a súa relación co casco antigo da cidade?

Eu son de Portas e cando estudaba no colexio en Caldas ás veces víñame a comer cos meus tíos que vivían aquí en Pontevedra, viñamos ás festas cos meus pais. Logo vinme a estudar aquí e a miña irmá vivía na rúa Maceda. Mentres estudaba vía os xardíns e as pedras do Parador. A querenza pola pedra xa é unha cuestión familiar. Sempre nos encantou. O meu pai tiña canteiras e sempre tivemos afinidade pola pedra. Logo vivín na Praza da Verdura e logo zona antiga de Santa María. Nunca me quixen ir a zona moderna da cidade.

Como o gozas a diario?

Eu son das que ando en bicicleta pola mañá. Gozo moito levantándome temperán, mesmo no inverno, e pola mañá, cando non hai xente pola rúa, ves as cousas doutra maneira. Eu chámoo o ollo da mañá. Mesmo ves os tellados doutra maneira, as partes de arriba das casas… Encántame o cheiro a herba recentemente cortada, non hai ruídos de coches. Na zona na que vivo eu é como vivir no campo.

En que lle gusta a Pilar Señoras catafisgar?

Encánteme a bricolaxe, restaurar, reciclar e transformar andeis en mesas, portas en cabezais… A todo lle busco unha función. Penso que todo serve para algo. Tamén me encanta a filosofía oriental, ver unha película romántica que non me faga pensar moito ou que non sexa desagradable. Estou a gozar moito da miña madurez e síntome moi nova. Hai uns anos fixen unha viaxe coa parroquia nun momento complicado a nivel familiar… ía con persoas máis maiores pero que estaban de volta e media de todo. Vin entusiasmada coa súa mentalidade. As persoas maiores teñen a experiencia da vida e a bagaxe pódeche agrear ou dulcificar. Eu aposto polo segundo porque a vida hai que vivila e non morrela.