Gonzalo Sancho preside a asociación Vaipolorío dende hai 17 anos. Quedamos con el para a entrevista ó catafisgón do mes e non dubida do lugar para o encontro: o inicio da ruta do río Gafos polo que sinte auténtica devoción. E non é para menos, ó longo destes anos o río ten cambiado moito e vaise parecendo cada vez máis a ese espazo que anhelan desde o colectivo que dirixe. Fala con paixón do labor que realizan e o marabilloso que lle parece este espazo natural do que gozan a diario ducias de pontevedreses.
Como chega a formar parte de Vaipolorío?
Pois as veces parece que os ecoloxistas somos moi pragmáticos… Eu era pescador, pero neste río de Pontevedra no que pescara moitas veces deixara de facelo polo seu deterioro, cada vez había máis lixo, máis verquidos. Como pescador adoitas estar moi ligado á natureza. Marchei de aquí doído e tampouco me vía con capacidade de organizar nada, nin pensaba que a sociedade estivera por estas cousas.
De repente, un bo día, vin na prensa que un grupo de asociacións veciñais se propoñen empezar a limpar o río. Cando lin iso vin realizada o que no seu día para min fora unha idea de axudar na mellora e na recuperación ambiental do río. Considerei que debería estar alí, empecei a vir aquí os domingos de verán e sigo aquí hasta hoxe.
Como nace o colectivo?
Os compañeiros que comezaron con isto contactaron con todo tipo de asociacións veciñais, culturais… que estaban dentro das parroquias por onde pasa o río. O principio había unhas 200 persoas implicadas. Pasado o primeiro ano e habida conta do éxito da primeira campaña decidiuse formar un colectivo que tivera algún tipo de forza xurídica e organizativa. Estamos falando do ano 2000. Foi naquel momento cando asistín á primeira xuntanza. Eu traballaba en banca e inicialmente fun o tesoureiro da asociación. Na actualidade son o presidente desde hai 17 anos e somos uns 25 socios… é algo voluntario… Hai quen ven periodicamente todos os veráns e por distintos motivos non é socio pero para nós é como se o fora.
Como foi evolucionando a asociación?
A evolución consistiu en ir traballando para que o río se atope no seu estado actual. Aínda así o río hoxe ten problemas. Por exemplo a rede de sumidoiros que vai pola súa ribeira e que non debería ir por aí. Cando chove moito chegan a mesturarse as augas fecais con pluviais… saltan as tapas dos sumidoiros e esta situación é lamentable… e todo o contrario ó que aspira esta asociación que sempre foi a defensa do río. Isto é o máis negativo, que siga habendo verquidos a pesar do noso traballo.
Tamén pensamos que a nosa presencia como colectivo é moi importante porque se nos respecta e antes de facer barbaridades a xente pénsao porque sabe que somos un colectivo con forza social e que denunciamos. Fixemos traballos coa Universidade de Santiago e con técnicos de Lourizán para evitar que isto se convertera nun parque industrial que foi unha aspiración que tiña algunha alternativa política en Pontevedra e incluso o goberno autonómico, que consideraba que ó ser un terreo liso e chan era o ideal. Pero grazas o traballo de técnicos, biólogos e a Universidade de Santiago se demostrou que un espazo así había que convertelo nalgunha figura de protección pero non nun parque industrial…
Que actividades realizan desde a asociación?
A nosa bandeira é a limpeza. O río precisa un mantemento e todos os veráns sacamos bastante lixo. Este verán pasado sacamos 200 quilos de lixo. O principio falabamos da tonelada por domingo… Polo menos conseguimos que non se tiren aquí voluminosos… aquí temos recollido baterías, rodas de tractores, televisores, neveiras… era o lixo que había daquela e hoxe en día conseguimos que non haxa. Esta é a nosa principal actividade.
Ademais facemos saídas guiadas con colexios, institutos.. que consisten a coñecer o espazo.
Para conseguir que o espazo tivera algún tipo de protección, que hoxe en día é un Enil que é unha protección básica do medio ambiente, había que facer un traballo de catalogación porque para protexer un espazo é imprescindible dar a coñecer a riqueza que hai nel. Aquí hai plantas que hai no noroeste peninsular exclusivas das beiras dos ríos, tamén especies de paxaros, especies de insectos… que teñen unha gran importancia.
Todo isto decidimos catalogalo e poñelo en valor sempre dirixidos por técnicos como zoólogos, botánicos, micólogos, biólogos expertos en paxaros… é unha colaboración desinteresada coa que sempre estaremos agradecidos.
Todos os veráns realizan labores de limpeza. Como foron as desta campaña?
Comezaron o 30 de xullo porque temos que respectar a pesca fluvial. Aquí pódese pescar libremente e non podemos interferir nisto. Somos 25 persoas que nos organizamos en 3 ou 4 grupos e nos chega un mes de traballo para facer a limpeza.

Que tipo de refugallos se atopan nestes labores de limpeza?
Sobre todo plástico, roupa e cristais que fan dano ó desove das troitas e que botan moitos anos en desfacerse. Tamén teñen un efecto paisaxístico moi negativo. Neste sentido vemos preto do río asentamentos ilegais, coches aparcados onde non deben, empresas asentadas onde non deberían. O lixo non é o de antes pero é un río antropizado e onde están os humanos acaba aparecendo lixo.
Afortunadamente aquela práctica de tirar todo o río acabouse. Teño que mencionar ós veciños que plantan millo nas súas fincas nas ribeiras do río e que antes tiraban as bolsas de plástico dos minerais ó río e agora non o fan. Son un colectivo bastante sensible coa saúde do río.
Cales son os fitos máis importantes acadados por Vaipolorío?
É difícil catalogalo. Tal e como ten dito algún concelleiro, se algún día se contratase un economista para cuantificar o diñeiro aforrado a administración por recuperar un río, o valor sería incalculable. Retirar a contaminación dun río de 11 quilómetros de traxecto é algo incalculable.
Valoramos moito a demostración que fixemos mediante a catalogación e os informes dos técnicos para que aquí non se fixeran parques empresariais. Para nós isto sería destruír o río porque o río non é só o lugar por onde pasa a canle da auga, se non que é un ecosistema porque as especies únicas e endémicas tamén están nos arredores. Ten máis valor toda a vida que discorre arredor do río. O río é o eixo vertebrador que dá toda esa vida e facer cemento e naves non nos parecía o máis axeitado para o Gafos.
Durante estes anos cal é o descubrimento que ten feito no río que máis lle impactou?
Na miña época de pescador funlle collendo cariño a esta contorna e funme metendo en todos os temas: botánica, ornitoloxía, entomoloxía… Trato de facer un catálogo de insectos que aínda non está rematado colaborando con identidades como Biodiversidade Natural á que lle envías unha foto e eles identifican. Aquí atopouse algún tipo de libélula que é moi difícil de ver, tamén certas bolboretas. Fixemos moita catalogación nocturna… É un traballo apaixonante. Pasa o mesmo coa botánica, cando descobres árbores e a riqueza que teñen agochada. Moitas veces tendemos a ver só aquilo que nos resulta produtivo, pero moitas veces as plantas agochan segredos moi importantes. Apréndese moito e vir aquí e desenvolver esta parte intelectual de catalogar é algo apaixonante co que te marabillas.
Como ve a relación dos pontevedreses co Gafos?
Hai xente que nunca viñera a este río e descubriu un verxel. Isto é como unha finca inmensa que un non ten nin que manter nin que pagar contribución. É algo que valora a cidadanía. Hoxe temos métodos para desfacernos do lixo que non tiñamos hai 60 anos, e co río pasa o mesmo… Acidadanía decatouse de que non é o sitio para desfacernos do lixo. Hai unha evolución: neste lugar hai un ir e vir de persoas totalmente respectuoso. Veñen a pasear, a respirar aire puro e gozar da natureza. É moito máis bonito vir por aquí que polo asfalto.





En que lle gusta a Gonzalo Sancho catafisgar?
Cada vez que veño en lugar de mirar o reloxo e contar as calorías que queimo, para min todo é novedoso. As imaxes nunca son as mesmas porque cando vas fisgando e vas coñecendo máis sobre a natureza vaste decatando da súa grandeza… Había un dito que dicía ‘Hay quien sale al bosque y solo ve leña para quemar’, eu penso que o bosque de ribeira ten moitísimas posibilidades máis… Todo é novo, todo é interesante e nada pode pasar desapercibido. Eu creo que o río Gafos é unha lotaría que nos tocou ós pontevedreses.
…