Entrevista a Raimundo González, Concelleiro de Xestión de Residuos Urbanos.
Como xurde o Plan Composta en Pontevedra?
Vén dunha aposta medioambiental forte a través da produción de compost. Xa estabamos traballando noutros dous pés da compostaxe como son os composteiros individuais e colectivos, e con este terceiro pé, o do Plan Composta, perseguíamos unha revolución medioambiental no concello.
Que supón o Plan Composta para Pontevedra?
Supón seguir situándonos á vangarda noutro aspecto máis. Estamos á vangarda en aspectos de mobilidade, de modelo de cidade… O obxectivo, ademais da revolución ambiental que mencionaba anteriormente, é anticiparnos á legalidade vixente. Hai un ano saíu publicada a Lei 7/2022 na que se fala da implantación da economía circular, a obriga das entidades locais de establecer unha recollida separada da fracción de bioresiduo, da produción de compostaxe doméstica… e o que estamos facendo é anticiparnos a esta lei. Neste momento debemos ser o concello do Estado español que máis residuos trata para a elaboración do compost. Superamos amplamente o tratamento do 20% dos bioresiduos e a maioría dos concellos non teñen feito practicamente nada. En Galicia tamén somos vangarda neste sentido.
Cal é o nivel de implantación do Plan Composta?
Segundo a zona do concello temos distinto tipo de tratamento de residuos para compost. O mellor residuo é aquel que non circula. Se podemos facer o tratamento no propio domicilio, non estamos empregando o transporte e outras máquinas… pero este sistema non é posible en todos os casos. No Plan Composta temos neste momento 2.515 vivendas adheridas e 299 establecementos comerciais. Todos eles acolléronse voluntariamente, pero o ámbito xeográfico onde está implantado o colector marrón é moito máis amplo.
Cantos centros de compostaxe comunitarios hai agora mesmo no municipio?
Agora mesmo hai vintecatro centros de compostaxe comunitarios do Concello en funcionamento. A maiores, hai 8 máis ós que só lles faltan os módulos. Están despregados maioritariamente naquelas zonas onde hai espazos verdes. Os centros comunitarios de compostaxe son moi trascendentes porque é unha tarefa que fai o propio cidadán ó lado da sua casa, o residuo non circula e o beneficio medioambiental é moito maior.
Cantos composteiros domésticos teñen repartidos?
Temos repartidos 3.798 composteiros domésticos o que supón que máis dun 60% dos veciños no rural de Pontevedra teñen composteiro individual. Hai que ter en conta que o acolleron voluntariamente e aínda seguimos a ter demanda de composteiros e, polo tanto, seguiremos facilitándoos a todo aquel que o pida.
Que melloras teñen previstas neste ámbito?
Por un lado, temos os obxectivos de chegar ó 100% das vivendas do rural, incrementar de maneira substancial os centros de compostaxe comunitaria ata chegar a 100, e despregar o Plan Composta nalgunha zona onde aínda non está implantado como a zona da Avenida de Vigo.
Para conseguilo faremos campañas de implicación social.

Como valora a resposta da cidadanía o Plan Composta?
Os datos falan por si mesmos. Nos centros de compostaxe comunitarios hai zonas nas que tivemos que implantar algún centro de compostaxe máis porque había sobre achega de residuos. A resposta é moi positiva, os veciños e veciñas de Pontevedra teñen un alto compromiso medio ambiental. Se non hai implicación da cidadanía, non facemos nada.
Para que se está a empregar o compost?
Maioritariamente emprégase para a agricultura, ben sexa viñedo ou horta. Non se desperdicia nin un gramo de toda a produción de compost que no ano 2022 foi de 280.000 litros nos centros de compostaxe comunitario.
Cantos cidadáns están agora mesmo adheridos ó sistema de recollida de abono?
Neste momento hai 1.065 domicilios que fan a achega de residuos e, posteriormente, levan o abono ás súas casas
Hai momentos do ano en que a demanda varía, por exemplo, preto da primavera hai lista de agarda. Pero isto ten solución, porque aquelas persoas que queiran, poden ir solicitando o compost ó longo do ano para ter suficiente no momento en que lle faga falta, porque se pode ter na casa nun lugar seco e aireado.
Detéctase un incremento da demanda?
Si, por distintos motivos. As persoas que están apuntadas na compostaxe comunitaria teñen un forte compromiso medio ambiental, logo os que usan o compost comproban que é un moi bo fertilizante natural e quen o leva repite. Tamén hai certa dose de boca a boca, de ahí que aumente o número de demandantes.
Facemos análises dos residuos cada certo tempo e temos un índice do 2% de impropios, cando o máximo é o 20%… Todos aqueles que facemos uso dos contedores do Plan Composta somos conscientes do que estamos facendo.
A cidadanía de Pontevedra está a facelo ben?
Está a facelo moi ben e ademais temos adiantado moitísimo respecto de outras cidades e pobos.
Para rematar… un catafisgón é unha persoa á que lle gusta curiosear no Catafís… en que lle gusta a Raimundo González ‘catafisgar’?
Nas viaxes… viaxo por todo o mundo… excepto a Oceanía fun a todos os continentes. De todas as viaxes quédome especialmente con Xapón e Islandia. A grandiosidade das montañas Rocosas de Canadá deixáronme fascinado… lagos que cambian de cor… é coma de conto. E en Xapón o que máis me chamou a atención é que ía por Kioto despois de cear ás 12 da noite e diante miña ían tres mozos falando en galego. Evidentemente dirixinme a eles e só un era galego, os outros dous eran de fóra, estudiaran en Santiago e aprenderan o galego… Gustoume moito a anécdota! A cultura, a seriedade… non ves un papel pola rúa, o educados que son…son aspectos que me chamaron moito a atención.