
Coa chegada do bo tempo aumenta o número de peregrinos que elixen gozar da experiencia do Camiño Portugués a Santiago de Compostela e que podemos cruzarnos nas rúas da nosa cidade.
Algo que, en boa medida é posible grazas ó traballo realizado pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués que preside desde a súa creación Celestino Lores. A Celestino Lores bríllanlle os ollos cando fala do percorrido e dos logros alcanzados pola asociación, que conseguiu que o Camiño Portugués pasase de ser descoñecido a ser hoxe o segundo máis concorrido do Camiño de Santiago. E non é para menos!!
Como xurde a súa vinculación co Camiño de Santiago?
Xurde no ano 1965, cando tiña 14 anos, era Ano Santo. Fixemos unha peregrinación desde Valença do Miño a Santiago co ‘Frente de Juventudes’ e nesa memoria de adolescente quedeime con que existía o Camiño de Santiago. Naquel momento fixemos a peregrinación pola estrada nacional, non había coches. No ano 1991 presento a miña candidatura ó Concello e poño no programa electoral a recuperación do Camiño Portugués, que entón era descoñecido. A partir de aí comezamos a facer un estudo do que podía ser o trazado orixinal do Camiño Portugués a partir da vía romana XIX que saía de Bracara Augusta e chegaba a Lucus Augusta. Buscamos elementos históricos e no ano 1993 finalizamos a recuperación do Camiño Portugués e creamos a Asociación de Amigos do Camiño Portugués facendo a primeira peregrinación desde Tui a Santiago. Naquel momento tamén foi a primeira vez que se falou de turismo, eu viña de Sanxenxo tiña un hotel alí e viña moi implicado na cuestión turística.
Como lembra aquela primeira peregrinación?
Foi un éxito, apuntouse moita xente porque era novidosa. Empezamos en Tui 50 persoas, logo uniuse a Asociación da Zona Monumental que entón presidía Ernesto Filgueira. Fomos facendo etapas todos os sábados ata que chegamos a Santiago. Foi unha experiencia marabillosa que se viviu cunha confraternidade moi especial hai xa 30 anos. Recibíronnos todos os alcaldes dos distintos concellos. Cando terminamos a peregrinación fixemos unha cea, decidimos seguir e así o fixemos ata hoxe.
Foi algo que creamos nós, hai 30 anos eramos os únicos que faciamos o Camiño Portugués e o ano pasado foron 150.000 persoas que o fixeron. É unha alegría e unha satisfacción ver que fixemos algo que quedará para sempre no patrimonio histórico da cidade. No ano 1993 ti preguntábaslle a algún veciño de Pontevedra por onde pasaba o Camiño de Santiago e falábache do Camiño Francés. Hoxe fas a mesma pregunta e indícanche a ruta exacta do Camiño Portugués. Non obstante, Pontevedra é a capital do Camiño Portugués.
Cales son os principais fitos da Asociación desde a súa creación?
O primeiro foi a recuperación do Camiño Portugués, despois levamos a cabo un traballo constante ata o ano 1999 para dar a coñecer o Camiño, primeiro no ámbito xornalístico, logo comezamos a entregar a insignia de ouro a distintos persoeiros para que promocionaran o camiño… como a Filgueira Valverde, Fraga, o actual rei de España, a Raíña Sofía. No ano 1999 abrimos o Albergue de Peregrinos do que se fixo cargo a Asociación que é o único modelo de xestión dun albergue público. Os membros da Asociación somos os xestores, temos a 45 voluntarios traballando aí e facémolo sen ánimo de lucro. Tamén lle demos a insignia de ouro ao Concello de Pontevedra, que sempre nos apoiou. O alcalde di que eu son o ‘concelleiro do Camiño’, algo que me agrada. Tamén foi el quen propuxo que me adicaran o mural que se fixo no Gorgullón a través dunha campaña de Estrella de Galicia. Lévolle adicado ó Camiño de Santiago case a metade da miña vida e doume moitas satisfaccións. Non son millonario, pero son millonario en amigos. Podo chegar a moitos países do mundo e ter unha casa onde me acollan.
Desde a Asociación do Camiño Portugués defenderon sempre a práctica do sendeirismo. A cidade de Pontevedra ten mudado moito nestes últimos anos coa peonalización… Como valora esta transformación?
Cando nós comezamos a andar, non andaba ninguén. Dicíannos que estabamos ‘taladrados’. Faciámolo con condicións de seguridade: levabamos coche de apoio; daquela non había teléfonos móbiles pero levabamos uns ‘mancontros’ que enseguida lles fallaban as pilas e xa tiñamos que seguir sen eles… e grazas as nosas andainas recuperáronse algunhas en Pontevedra. Por exemplo, fomos os primeiros en facer o camiño de Bora, o camiño do Gorgullón… a nosa actividade fundamental é o Camiño de Santiago e o albergue, pero combinámola con esta actividade de sendeirismo. Hoxe somos un referente tamén neste ámbito. O feito de que a cidade se envorcase máis na peonalización e no feito de fomentar o camiñar foi moi positivo. A primeira vez que lle deron un premio a cidade por este motivo o alcalde chamoume para que dera un pequeno discurso coa miña opinión. Estamos encantados co traballo que se está a facer neste sentido.
Como valora o impacto do Camiño Portugués no municipio?
O Camiño Portugués pon en valor un aspecto histórico cultural e patrimonial, un aspecto turístico e logo, está a repercusión económica, que é fundamental na cidade. Un peregrino consume unha media de 40€ por día na cidade. Son 40 euros que quedan no albergue ou no hotel no que se hospede, nunha tasca, nunha farmacia, nunha tenda de camisetas… Isto supón que, se o ano pasado pasaron 150.000 peregrinos pola cidade a calculamos que uns 100.000 fixeron noite aquí, son 4 millóns de euros que deixaron na cidade repartidos no comercio local. A proba está na cantidade de empresas e establecementos que se crearon ó abeiro do Camiño.

Como incidiu a pandemia no Camiño?
Aguantamos o tirón… no momento en que se puido abrir, fixémolo… e o ano pasado que foi Xacobeo respondeu totalmente ás expectativas. O Camiño Portugués non só o fai xente desde Canadá ou Chile… vén de todo o mundo e sabe que Pontevedra figura no mapa. O ano pasado viñeron moitos italianos que nos comentaban que tiñan moitas ganas de saír e o Camiño Portugués é liberdade… é desconexión…
Cal é a perspectiva para este ano?
A perspectiva para este ano é boa. A Semana Santa foi moi boa, calculo que non chegaremos ós 150.000 peregrinos do ano pasado porque se deron unhas circunstancias especiais: saiamos da pandemia, era ano Xacobeo e celebrouse a Peregrinación Europea da Xuventude… Aínda así, a expectativa é moi boa e calculamos que poden vir entre 104.000 ou 105.000 peregrinos tendo en conta que no ano 2019 tivemos 95.000… esto segue funcionando moi ben.
En que momento se atopa a Asociación do Camiño Portugués a Santiago?
Non é un momento bo para o asociacionismo porque cando creamos a asociación eu tiña 44 anos e tiña o meu traballo estable e tempo para adicarlle, pero hoxe unha persoa desa idade non ten tempo para adicarse a unha asociación porque moitos aínda están buscando traballo… A pesar diso, a asociación segue funcionando moi ben. Temos unha media de 1.000 socios e o próximo domingo iremos 50 nun autocar a facer sendeirismo… algo que non é habitual hoxe en día, e por encima pagando!!
Que plans teñen a medio prazo?
Fixemos todos os camiños de Santiago excepto un, que é a ruta dos arrieiros que vén desde Braga. O ano pasado fixemos o camiño do litoral que é unha preciosidade… A intención é seguir na mesma liña: coa atención no albergue dos peregrinos, as andainas, tamén facemos un encontro de hospitaleiros. Tamén faciamos unha exposición da camelia no albergue, levamos tres anos sen facela pola pandemia e este ano porque temos obras no albergue, pero o ano que vén esperamos poder retomala. A exposición dos camiños tamén a organizamos nós, é unha exposición itinerante que vai pasando por distintos concellos e na que contamos coa colaboración de empresas e produtores locais… Este ano a exposición é ‘O doce no Camiño’ que inclúe representacións de doces de Pontevedra, de Barcelos, de Ponte de Lima…
Unha asociación mantense se hai contido. As asociacións precisan xestores… hai que dar un xiro e a asociación debe contar con persoas que se adiquen profesionalmente a súa xestión e para iso precisan o apoio das administracións.
Ademais da súa gran dedicación ó Camiño Portugués en que lle gusta a Tino Lores catafisgar?
A min gústame moito a arte, tamén me gusta escribir. Agora mesmo estou escribindo dous libros sobre o Camiño, tamén me gusta tocar o piano… pero todo isto require tempo e agora acabo de ter unha neta e aínda teño menos tempo. Considérome unha persoa feliz e afortunada.