Catafís, o sistema de información xeográfica do Concello de Pontevedra, permítenos consultar a localización de distintos elementos de seguridade viaria no noso municipio como son os pasos de peóns, lombos, semáforos…
A utilidade dos mesmos e doutras moitas normas de seguridade viaria están a aprendela cun enfoque moi práctico os alumnos de 6º de Primaria dos colexios de Pontevedra grazas a unha campaña que leva a cabo a Policía Local. Este é o segundo ano que se realiza, lévase a cabo ennove centros e son máis de 400 alumnos os que participan.

Acompañamos aos alumnos do CEIP Doroteas nunha das sesións, que comeza cunha pequena charla por parte do oficial de Policía Local, José Luis Domínguez, quen nos guiará durante toda a actividade. Explícanos que a levará a cabo en dúas fases: a primeira consistirá en realizar un pequeno paseo pola mazá onde está situado o centro educativo no que coñeceremos a “coexistencia plural na cidade de zonas nas que teñen prioridade os peóns e outras nas que teñen prioridade os coches, pero independentemente da prioridade duns ou outros é necesario comportarse con responsabilidade para minimizar o risco de accidentes”. Tamén nos meteremos na ‘pel’ dos policías locais e iremos identificando que infraccións cometen tanto vehículos como peóns no transcurso do paseo.
Na segunda parte da actividade realizaremos un paseo de 6 quilómetros en bicicleta polo centro e as aforas da cidade co obxectivo de “perder o medo para usala na calzada e coñecer o lugar que ocupan na mesma”.
Moi importante!! os elementos de seguridade: chalecos reflectores para o paseo e cascos para a saída en bicicleta. Unha vez que estamos correctamente equipados, comezamos o paseo pola contorna do centro escolar.
O policía local que nos acompaña vai explicando o significado dos sinais que nos imos atopando ao noso paso. Unha das que máis nos chama a atención é a que indica unha zona residencial, xusto diante do colexio. José Luis explícanos que como peóns permítenos cruzar en calquera punto da rúa, pero sempre con responsabilidade.
No transcurso do paseo identificamos varias infraccións: un patinete eléctrico que se despraza sobre a beirarrúa, unha persoa que cruza fóra do paso de peóns, unha moto e unha bicia aparcadas sobre a beirarrúa, unha bici que circula en sentido contrario, un condutor que vai sen cinto de seguridade… O axente que nos acompaña vai explicando cales son as sancións tanto económicas como en retirada de puntos de carné para cada unha delas.
O policía local diríxese aos escolares para preguntarlles se multarían a todas esas persoas que están a infrinxir algunha norma de seguridade viaria e todos teñen claro: si o farían. Con todo, “que pasaría se fosen os vosos pais quen estivesen cometendo algunha destas infraccións, multariádelos igual?” e claro, aquí aparecen as dúbidas… O axente explícalles que para evitar esas situacións incómodas o mellor é evitar as infraccións.
Ao longo da actividade os escolares van expondo as súas dúbidas: “cantos puntos teremos ao sacar ao carné?”, “cal é a multa por deixar unha caca de can na beirarrúa?”, “cal é a multa por levar o móbil na man mentres conduces?”, “cal é a multa por danar mobiliario urbano ou facer un grafiti?”…
A todas elas vai dando resposta o responsable da actividade.

Xa de regreso ao colexio espéranos dous axentes en moto que nos acompañarán durante o percorrido en bicicleta. Unha vez equipados coas nosas bicis e os nosos cascos, recibimos indicacións sobre como debemos indicar os xiros e outras normas de seguridade básicas como que debemos facer ao chegar coa nosa bici a un paso de peóns.
Dispoñémonos a seguir ao policía local que encabezará a marcha. Estamos entre emocionados e nerviosos, porque en ocasións desprazarémonos polo centro da calzada e é algo ao que non estamos afeitos, pero sentímonos seguros e dispostos a aprender como facelo con seguridade.
Ao longo do percorrido discorremos por vías de sentido único, zonas peonís, zonas con carril bici, vías de dobre sentido… para coñecer como desprazarnos en distintas contornas.
Xa de regreso a clase chegamos coa sensación de recibir unha información á que seguro lle sacaremos partido a diario… ah! e con moitas ganas de volver subirnos á bici!!