A través de Catafís, o sistema de información xeográfica do Concello de Pontevedra, podemos coñecer moitos datos técnicos relacionados coa nosa contorna. En concreto, a sección ‘Visor de Axenda Urbana’ facilítanos información sobre os espazos naturais protexidos, a superficie dos espazos
verdes e outros datos relacionados coa paisaxe.
Profundo coñecedor dos espazos naturais do noso municipio é Jaime Blanco-Dios, responsable da asociación Brincabois, que nestes momentos se topa en pleno desenvolvemento das XVIII Xornadas Micolóxicas de Pontevedra e que inclúe accións como os ‘Luns e Mércores micolóxicos’ nos que a asociación Brincabois ofrece un servizo de balde de identificación de cogomelos a todos os afeccionados que se queiran sumar a esta actividade.

Outra das actividades que inclúen as xornadas son os “Obradoiros Micolóxicos” para dar a coñecer estes fungos e ao mesmo tempo fomentar o uso do galego nos centros escolares de Pontevedra. Jaime Blanco-Dios convídanos a participar nun destes talleres, en concreto, no que se imparte no CEIP A Xunqueira I.
Cando chegamos ao salón de actos do colexio atopámonos cun numeroso grupo de alumnos de 4º a 6º de Primaria que esperan con expectación a que comece a charla coa que dá comezo a actividade. “O obxectivo é facer unha introdución aos cogomelos para que logo teñan a inquietude de profundar
máis no tema”, explícanos Jaime Blanco.
Comeza a charla explicando que o fungo é o ser vivo do que nace o cogomelo, que é o froito; onde aparecen os fungos e cales son as súas funcións, desde os que estragan as froitas, os que se utilizan para producir pan, cervexa, os que provocan enfermidades ou danan as plantas…
As partes do cogomelo e as clases máis frecuentes na nosa contorna tamén forman parte da charla. En concreto, Blanco-Dios destaca a amanita phalloides, “o cogomelo máis tóxico que podemos atopar por aquí”.
O responsable de Brincabois detalla a clasificación dos fungos en función de como se alimentan e os tipos de chapeu e himenio, dúas das partes máis importantes dos cogomelos.
“A trompeta dos mortos, a pesar do seu aspecto tan feo, é moi apreciado polo seu sabor”, explica ao falar das principais especies silvestres comerciais en Galicia.
O momento que máis curiosidade xera entre os alumnos chega ao falar das trufas que “son os cogomelos máis caros e escasos en Galicia”. En concreto, o responsable de Brincabois facilita os prezos que chegaron a alcanzar nunha poxa por unha trufa de 500 gramos e outra de 1,5kg: 30.000 e 330.000 euros, respectivamente.
A charla finaliza cunha explicación do material necesario para saír a recoller cogomelos: cestas ou caixas, coitelo ou navalla, botas e unha importante recomendación “se non coñecemos os cogomelos, debemos collelos enteiros”.



Chega o momento de poñer en práctica todo o aprendido. Así que nos abastecemos con suficientes cestas e caixas e acompañamos ao grupo á Xunqueira de Alba para recoller cogomelos. Chegados ao noso destino, pronto empezan a aparecer os primeiros exemplares. As amanitas e as hypholoma fasciculare son as máis frecuentes. Un exemplar chama especialmente a atención dos pequenos micólogos pola súa cor avermellada ao que deciden bautizar como o “cogomelo de Mario Bross”.
Jaime Blanco-Dios explícanos que na actualidade as zonas máis produtoras de cogomelos do noso municipio atópanse nas carballeiras das parroquias do rural. “As cantarelas, as zarrotas, as gulas de monte e os níscalos son as especies máis frecuentes en Pontevedra”, matiza.
Con todo, o responsable de Brincabois coñece profundamente a riqueza micolóxica de Pontevedra, ata o punto de que describiu novas especies de fungos para a ciencia que identificou ou ben en Pontevedra ou ben en áreas próximas, pero das que tamén se coñece a súa presenza no concello de Pontevedra:
Arrhenia pontevedrana
Buchwaldoboletus pontevedrensis
Cantharellus lourizanianus
Cheimonophyllum pontevedrense
Contumyces brunneolilacinus var. pontevedrensis
Craterellus pontevedrensis
Fayodia gallaecicocoloniana
Hypholoma fasciculare var. luteolamellatum
Leucocoprinus castroi
Rhodocollybia butyracea f. albida
Sparassis minoensis
Tricholoma gallaecicu
A este respecto, o responsable de Brincabois, sinala que sería moi interesante incorporar en Catafís a localización destas especies para que se teñan en conta as súas zonas de produción en futuras planificacións.
Tras recoller e identificar distintos exemplares, volvemos ao centro educativo. Os cogomelos recollidos pasarán a formar parte dunha exposición onde se poden ver as especies máis frecuentes da nosa zona e así damos por concluída unha actividade que nos permite gozar da nosa contorna natural desde outra perspectiva: a da admiración e o respecto ós recursos naturais cos que nos agasalla a nosa privilexiada contorna.
