cabeceira Blog CATAFIS
DSC1726

Co gallo do Día da Nena e da Muller na Ciencia falamos coa científica pontevedresa Andrea Muras

Co gallo da celebración do Día da Nena e da Muller da Ciencia, o vindeiro 11 de febreiro, falamos con Andrea Muras, unha científica pontevedresa que nos fala sobre como xurde a súa paixón pola súa profesión e que atrancos se ten atopado na súa carreira polo feito de ser muller.

Con todo, Andrea Muras, que traballa no Instituto de Investigacións Biomédicas de A Coruña e é mamá dende hai algo máis de dous anos, publicou recentemente o libro ‘La guerra contra las superbacterias’ e desenvolve unha interesante labor como divulgadora a través do seu blog ‘Ciencia Miúda’ e dos seus monólogos sobre a ciencia. Case nada!

DSC1726

Que te motivou a ser científica?

A min gustábame entender como funcionaban as cousas, sobre todo as cousas relacionadas coa natureza, os seres vivos e o corpo humano. Gustábame moito saber, por exemplo, como se producían as enfermidades e como se podían curar sen ter que tratar ó paciente. De pequena preguntaba moito por que pasaban as cousas e estudar bioloxía pareceume o máis interesante.

Tiveches algún referente de ciencia na túa infancia?

Recoñezo que tiven bastante sorte cos profesores. En concreto tiven dúas profesoras de ciencias moi boas no instituto e foron referentes para min porque me gustaba moito como daban as clases e gocei moito dos contidos. Supoño que en certa maneira ter estas profes fixo que me decantase pola bioloxía. 

En que estás a traballar nestes momentos?

Existe unha gran problemática coa resistencia das bacterias ós antibióticos.Unha das formas que teñen de facerse resistentes é que fabrican unhas moléculas que rompen os antibióticos. Na natureza existen uns inhibidores, que tamén os desenvolven as industrias farmacéuticas, que fan que as bacterias non poidan destruír os antibióticos. Agora mesmo o que estou facendo é probar que antibióticos funcionan mellor con que inhibidores, que son protectores do antibiótico. Cada bacteria ten as súas armas entón dedícome a estudar que tipo de inhibidor é o máis axeitado segundo o tipo de infección que teña o paciente. 

Recentemente publicaches o libro ‘La guerra contra las superbacterias’. Prevese que a resistencia dos antibióticos as bacterias  provocará a morte de 10 millóns de persoas en 2050. Cres que son datos realistas?

Si, a resistencia dos antibióticos é algo moi crítico. De feito a Organización Mundial da Saúde publica sempre unhas bacterias prioritarias á hora de estudar os seus mecanismos de resistencia e de controlar os focos de infección que están causando nos diferentes hospitais. A situación é complicada pero tampouco podemos perder a esperanza, temos que seguir investigando e seguir concienciando a poboación dos consellos típicos: non automedicarse con antibióticos, lavarse ben as mans, completar os tratamentos e non deixalos a medias, vacinarse sempre que sexa posible porque as vacinas axudan a reducir a aparición das superbacterias. 

Ademais dos que dependen do mal uso dos antibióticos e comportamentos persoais, que outros factores poden ter repercusión na aparición das superbacterias?

No meu libro intento incidir no uso dos antibióticos porque é o factor no que a poboación pode participar activamente, pero a globalización por suposto é un factor determinante. Da igual o que fagamos en España se logo na India ou noutro país están a consumir os antibióticos sen ton nin son porque ti vas de visita a outro país e podes traer a bacteria contigo. Ó final temos que ter en conta que a globalización ten moitas vantaxes pero tamén pode ter moitos inconvenientes. 

Logo o envellecemento da poboación tamén é determinante, a medida que nos facemos máis maiores o noso sistema inmune, que é o que nos protexe contra estas infeccións, vaise a ir debilitando. Tanto os nenos como as persoas maiores están máis inmunocomprometidos. Entón se cada vez somos máis maiores teremos máis tendencia a padecer máis infeccións, tomaremos máis antibióticos e será máis probable que vaia aparecendo algunha superbacteria.

Con todo, tamén se dan  infeccións por bacterias nos hospitais con consecuencias graves…

Si e resulta paradóxico que as infeccións se collan no hospital, pero se te paras a pensar o hospital é o sitio onde máis antibióticos hai e se ti tes un ambiente moi cargado de antibióticos é moi normal que as bacterias se adapten a ese ambiente e se acaben convertendo en superbacterias.

Tamén fas unha importante labor como divulgadora a través do teu blog e de monólogos… Por que te iniciaches nesta faceta?

Eu son moi tímida pero cando teño confianza gústame moito falar e como me gusta moito o ámbito no que traballo, combinar o meu traballo con falar parecíame o normal. Cando era pequena gustábame moito que me contaran curiosidades científicas e gústame reflectir iso e contar as cousas que me gustaría que me contasen a min tamén. 

Que tipo de artigos publicas no blog?

Fixen un máster en cultura científica e o blog era parte do máster e entre a miña maternidade e o traballo non me da para moito máis. O meu obxectivo con esta labor de divulgación é entreter. Eu non son profe e non quero educar no sentido formal. Quero facer un contido alternativo, que entreteña, que descubra cousas novas e que desperte o interese da xente . Hoxe en día contamos coas ferramentas necesarias para que se che interesa un tema ti mesma poidas logo afondar nel.

Un dos artigos que me funcionou moi ben dos que teño publicado foi explicar por que se rompían as bolechas cando se mollaban no leite. É moi interesante porque é algo do día a día… hai unha explicación física detrás pero é facilmente explicable. As bolechas son porosas, teñen pequenos túneles no seu interior. O leite, que nunha gran porcentaxe é auga, compórtase como tal… Entón  cando mollas as bolechas, o leite vai subindo polos túneles da bolecha e a parte de derreter o azucre que axuda a que se pegue a masa, a bolecha vai a empezar a pesar ata que chega a un punto que vai a caer encima do leite.

Un dos obxectivos que tes mencionado nos teus artigos é  o de convencer a xente de que as bacterias molan… por que molan as bacterias?

Porque as bacterias son capaces de facer case calquera cousa. En teoría uns bichiños pequeniños e unicelulares que non deberían de facer certas cousas… Sempre se consideraron uns seres moi primitivos e moi sinxelos, hoxe en día sábese que poden ter comportamentos colaborativos, póñense “de acordo” e poden facer cousas que en teoría, con ese carácter tan primitivo e sinxelo non deberían de ser capaces de facer. Por exemplo, estrutúranse en sociedades e teñen comportamentos como de animais pluricelulares que é algo que elas non son. Cada día coñecemos máis sobre as bacterias, pero tamén nos damos conta do moito que as descoñecemos. Tamén é moi importante saber que non o sabemos todo, que é necesario seguir investigando.

Cando escribes contas a información sen tecnicismos cun estilo ameno… como consegues poñerte do lado do lector?

Sempre tiven a costume de contarlle a miña familia e amigos as cousas que eu ía facendo e máis ou menos xa sei dalgunhas palabras que non se deben utilizar ou darlle unha volta para que a xente te entenda. Ademais eu tamén consumo divulgación e se me falas de calquera cousa que non ten que ver co meu tema, preciso que esa persoa baixe un pouco ó meu nivel. Entón intento poñerme tamén nese caso.

O 11 de febreiro celébrase o día da Muller e da Nena na Ciencia… que valoración podes facer do papel da muller neste ámbito?

Nos últimos anos estamos concienciándonos máis sobre o importante que é que a cativada nos vexa, non só as nenas para que collan referentes, senón que tamén teñen que vernos os nenos porque é importante que chegado o seu momento sexan bos compañeiros das mulleres que traballan na ciencia. Considero que é importante concienciar tanto aos nenos como ás nenas.

O longo da túa carreira tes vivido algunha situación machista ou sentícheste penalizada por ser muller?

Si, cando quedei embarazada do meu neno non me sentín moi arroupada polo sistema. Sentinme un pouco abandonada porque despois de tantos anos e tantas horas dedicadas ó laboratorio, chegado o momento de ter o neno pérdese esa produtividade que estás obrigada a ter. Se non publicas, non existes. A maternidade é un punto que che frea á hora de ser científica.

Que se podería facer para evitar este tipo de situacións?

Tal e como está montado o sistema científico agora mesmo, esíxeche publicar publicar e publicar… e coa maternidade o que precisas son tempos. Tes que tomarte o teu tempo para ser unha nova persoa, para crear novos hábitos para dedicarlle o tempo que necesita o teu bebé… e compaxinar iso cun traballo que che pide producir, producir e producir… tería que cambiar o sistema. Tería que valorar máis a calidade do que fas máis que a cantidade.

Que mensaxe lle darías as nenas e mozas, e tal e como explicas os cativos en xeral, que están pensando en adicarse a ciencia? 

Non me gusta dicirlle a xente “veña, todo o mundo a adicarse a ciencia que é moi bonita”… Creo que se te dedicas á ciencia é porque che ten que gustar porque ó final vas pasar moitas horas no laboratorio, vas a ter moitos quebradeiros de cabeza porque as cousas do laboratorio sempre se complican. Tes que estar convencido de que é algo que che guste… e se escollen o que queren vaille saír ben.

Agora mesmo vives en A Coruña e traballas no Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña, pero eres de Pontevedra. Que vinculo mantés coa Boa Vila?

Eu son de Campolongo e toda a miña familia é de Pontevedra así que imos moito. Encántame o tamaño que ten. Iso de poder ir andando a todas partes para min é o mellor do mundo. Cando imos, aproveitamos para dar paseos e para que o neno poida correr por aí sen problema ningún, para gozar dos parques.

Como percibes a evolución de Pontevedra desde a túa infancia… 

Na miña infancia aínda había coches por todas partes  e o feito de que non haxa coches e todo che quede a man fai que me pareza unha cidade súper cómoda para vivir. Sobre todo desde que teño o neno, que parece que che dá outra perspectiva. 

En que che gusta catafisgar?

A min gústame comer, probar cousas.